Próxima sesión

Prevista para o mércores día 20 de marzo, a partir das 16,30 h na Facultade de Filosofía.

Despois do vivo debate da última sesión (13/02/19) arredor do texto fundamental de Filosofía para Nenos (FpN) (Mathew Lipman, A. M. Sharp e F. S. Oscanyan: Filosofía en el aula. Ed. de la Torre 1992), @s participantes constatamos a conveniencia de continuar o debate na vindeira sesión, centrándoo en dous puntos:

– O primeiro, a concepción da infancia sobre a que se sustenta boa parte da proposta educativa de FpN. Pensamos que o debate podería enriquecerse contrastando a posición de FpN coa que no seu momento contemplamos en Hanna Arendt (Entre el pasado y el futuro. Península, Col. Austral 2018. Cap. V) e respecto da cal no grupo hai posicións diverxentes (hai quen considera que contradí a concepción de FpN e quen as considera perfectamente compatibles).

– O segundo, a proposta de novelas didáctico – filosóficas como substituto dos libros de texto e tamén como superadoras dos relatos literarios clásicos en tanto que construtores de imaxinarios simbólicos compartidos que contribúen a dar sentido ás existencias singulares e á vida social, ao tempo que propoñen argumentos en conflito sobre os dilemas vitais. Así, en Filosofía en el aula se chega a afirmar que a lectura de obras literarias como fin en si mesmo é “un absurdo” e que a lectura escolar debería contemplarse exclusivamente como un medio para aprender a razoar (páx. 73); e máis adiante: “Si nuestro enfoque es correcto, el cuento de hadas escrito por literatos y los libros de texto … pueden ser substituidos … por libros infantiles escritos por maestros y niños” (páx. 95). Fronte a esta discutible proposta, propoñemos tomar en consideración o punto de vista de Martha Nussbaum (El cultivo de la humanidad. Ed. Andrés Bello, 2001. Cap. 3: “La imaginación narrativa”) que defende o uso de grandes obras da literatura como medio para a “formación dunha cidadanía universal” (páx. 122).

A próxima sesión tería como obxecto, xa logo, proseguir o debate sobre estes dous puntos, ampliándoos coa recuperación da perspectiva de H. Arendt xa analizada nunha sesión previa, e coa lectura do novo texto de Martha Nussbaum.