Sobre educación e política

https://elpais.com/sociedad/2019/05/09/actualidad/1557407024_184967.html

Non é Giroux o meu pedagogo, digamos, “favorito”, entre os americanos prefiro a Apple, aínda que me interesa o seu concepto dos docentes como intelectuales. O que me chamou a atención é a afirmación taxativa “la educación es siempre política”, que relacionei co debate arredor de Arendt. Engánome se interpreto que unha tal afirmación contradiciría por completo a de Arendt?

Unha resposta a “Sobre educación e política”

  1. Tampouco non é Giroux un dos meus pedagogos de cabeceira. Non creo que Hannah Arendt contradixese a afirmación de que a educación é sempre política nin que entrambas as dúas se dea unha relación que puidese ser caracterizada como dialéctica. Ou sexa, de modo tal que tanto a calidade democrática coma a virtualidade emancipadora e transformadora resultante dependería, en primeira instancia, da eficacia da retroalimentación entre os dous ámbitos. Xaora, a condición de estes, maila que en ruta converxente, mantérense diferenciados e separados ata o final. Outra cousa é como haxa entenderse e que alcance se lle dea neste contexto a “política”. Dende logo non coma campo de batalla política nin coma unha representación ou un simulacro, mais ou menos vívido e vivido, das tramas e configuracións de poder, isto é, do teatriño político. Nin, por suposto, tampouco coma un laboratorio para producir suxeitos revolucionarios ou identitarios ou reaccionarios, ora froito dun adestramento para comandos nun contorno hostil ora aproveitando o choque emocional provocado pola ruptura cognitiva entre o mundo complexo existente e outro ideal e transparente reconstruído artificialmente ora ambas cousas á vez.
    Son proclive a identificar política e democracia e a considerar a ambas condición de posibilidade da emancipación, e a esta, dunha xustiza que se estenda alén dos límites temporais e espaciais da sociedade presente. Mais nesa precisa orde de condicionamento, por moito que nos poidan ou nos teñan seducido os aparentes atallos derivados de circular en sentido contrario.
    Ao meu entender, con estas premisas Arendt consideraría que a educación debe desempeñar un papel radicalmente político consistente na afirmación e consolidación da democracia, creando as condicións para a incorporación de novos cidadáns á participación política. Unha cidadanía que, na medida da súa emancipación intelectual, enriquecera a calidade deliberativa das decisións políticas e con iso da propia democracia, á espera de que iso se traduza nunha acción de loita contra a inxustiza.
    Trataríase non de ensinar a pensar criticamente ou a decidir autonomamente, en ambos os dous casos expresións redundantes. Menos aínda, de ensinar a criticar ou a decidir isto ou o outro. Nin sequera se trataría de ensinar a pensar sen máis, senón de o facer posible. Unha posibilidade, a de pensar en todas as modalidades que expresa a súa asociación con preposicións e locucións prepositivas, que esixe a intervención dos currículos para os modificar ou, cando menos, facer visible o seu nesgo encubridor, así como a posta en práctica na escola de marcos de convivencia democráticos, coidadosos coa construción de identidades e diversidades e rexidos por unha lóxica igualitarista que unicamente ha recoñecer a autoridade do que dá que pensar e de quen se poña provisoriamente ao seu servizo no camiño do coñecemento á procura da emancipación.
    Aceptar que deba impoñerse un modelo educativo de esquerdas fronte a outro de dereitas, ou un ensino progresista fronte a outro conservador non só traslada ao sistema educativo a loita política facendo imposible calquera consenso de mínimos e, xa que logo, a estabilidade e continuidade do sistema, senón que introduce distorsións sistémicas capaces de obrar efectos perversos non previstos.
    A educación atinxe ás regras constituíntes do marco político da democracia. Garantir a apertura, o acceso e a continuidade deste espazo de xogo é o compromiso no que se ha fundar a radicalidade que esixe a procura dun acordo sobre a súa reforma permanente.

Deixa una resposta a Ricardo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.