Sesión do 8 de maio

Na última sesión debatemos sobre o diferente enfoque sobre o uso de relatos nas clases de filosofía por parte de Lipman (Filosofía para Nenos) e Martha Nussbaum, que ao final concordamos en que se cadra non é tan diferente. Merino quedou en facernos chegar un traballo de Lipman no que revisa a súa inicial concepción e que converxería coas posicións de Nussbaum.


Para a vindeira e xa última sesión deste curso, falamos de convidar á nosa compañeira Chis para que nos presentase o seu libro ám@me. Pensar o amor no s. XXI, con claras achegas sobre feminismo e educación emocional. Dime Chis que ata o 19 de xuño ela non podería, así que pregunto cantas persoas estarían interesadas e atoparían tempo para manter esa sesión a partir dese día. Propoñede datas para negocialas con ela. Posiblemente acompañaríaa Amada, a coautora do libro.

Próxima xuntanza

Ola:
Visto que hai problemas coa data anteriormente proposta por parte de algúns dos asiduos, as únicas datas que me parece quedarías como opción para este mes serían as dos luns 29 ou martes 30 que, como cadra en posible ponte non sei se serán moi apetecibles. Se non, xa nos pasariamos ao mércores 8 de maio.
En todo caso, para animar o debate eu andei traballando nun texto sobre a cuestión que nos debería ocupar: a posición de Arendt sobre a infancia e a educación. Mándovolos para ver se alguén quere entrar ao trapo. Penso que poderiamos logo (ou xa?) incluílo na web do grupo.
Agardo resposta ás propostas de datas para facer a reserva.
Apertas

Próxima sesión

Prevista para o mércores día 20 de marzo, a partir das 16,30 h na Facultade de Filosofía.

Despois do vivo debate da última sesión (13/02/19) arredor do texto fundamental de Filosofía para Nenos (FpN) (Mathew Lipman, A. M. Sharp e F. S. Oscanyan: Filosofía en el aula. Ed. de la Torre 1992), @s participantes constatamos a conveniencia de continuar o debate na vindeira sesión, centrándoo en dous puntos:

– O primeiro, a concepción da infancia sobre a que se sustenta boa parte da proposta educativa de FpN. Pensamos que o debate podería enriquecerse contrastando a posición de FpN coa que no seu momento contemplamos en Hanna Arendt (Entre el pasado y el futuro. Península, Col. Austral 2018. Cap. V) e respecto da cal no grupo hai posicións diverxentes (hai quen considera que contradí a concepción de FpN e quen as considera perfectamente compatibles).

– O segundo, a proposta de novelas didáctico – filosóficas como substituto dos libros de texto e tamén como superadoras dos relatos literarios clásicos en tanto que construtores de imaxinarios simbólicos compartidos que contribúen a dar sentido ás existencias singulares e á vida social, ao tempo que propoñen argumentos en conflito sobre os dilemas vitais. Así, en Filosofía en el aula se chega a afirmar que a lectura de obras literarias como fin en si mesmo é “un absurdo” e que a lectura escolar debería contemplarse exclusivamente como un medio para aprender a razoar (páx. 73); e máis adiante: “Si nuestro enfoque es correcto, el cuento de hadas escrito por literatos y los libros de texto … pueden ser substituidos … por libros infantiles escritos por maestros y niños” (páx. 95). Fronte a esta discutible proposta, propoñemos tomar en consideración o punto de vista de Martha Nussbaum (El cultivo de la humanidad. Ed. Andrés Bello, 2001. Cap. 3: “La imaginación narrativa”) que defende o uso de grandes obras da literatura como medio para a “formación dunha cidadanía universal” (páx. 122).

A próxima sesión tería como obxecto, xa logo, proseguir o debate sobre estes dous puntos, ampliándoos coa recuperación da perspectiva de H. Arendt xa analizada nunha sesión previa, e coa lectura do novo texto de Martha Nussbaum.