SOGAFI

SOCIEDADE GALEGA DE FILOSOFÍA





Nº de visitas:

Nº de sinaturas:


O noso e-mail

 

 











Listaxes =>

 

 

 





Manifesto =>

 

 

 

 

 

MANIFESTO CONTRA O ANTEPROXECTO DO DECRETO DA ORDENACIÓN E O CURRÍCULO DO BACHARELATO DE GALICIA


O profesorado de Filosofía reunido en asemblea convocada pola Sociedade Galega de Filosofía (SOGAFI) nas Xornadas sobre Educación da Cidadanía, quere manifestar o seu desacordo co Anteproxecto de Ordenación do Currículo do Bacharelato para Galicia no que atinxe á redución da carga horaria da materia de Filosofía e Cidadanía, de tres a dúas horas semanais, polas seguintes razóns:

• Constitúe un dereito irrenunciable do alumnado de bacharelato dispor dun espazo de reflexión crítica e racional que garde unha relación clara coa tradición filosófica europea. Como ten sinalado a Declaración de París a favor da Filosofía (UNESCO):

    … reafirmamos que a educación filosófica, por formar espíritos libres e reflexivos, capaces de resistir ás diversas formas de propaganda, de fanatismo, de exclusión e de intolerancia, contribúe á paz e prepara a cada un para facerse cargo das súas responsabilidades fronte ás grandes cuestións contemporáneas, no dominio da ética especialmente;

    Xulgamos que o desenvolvemento da reflexión filosófica, tanto no ensino como na vida cultural, contribúe de xeito importante á formación de cidadáns ao exercitar a súa capacidade de xuízo, elemento fundamental de toda democracia.

• É manifestamente incoherente que os poderes públicos insistan na importancia dun ensino dirixido a promover o exercicio dunha cidadanía informada, autónoma e democrática —até o punto de provocar unha viva polémica social— , para de seguido privar ao alumnado da formación específica indispensable para desenvolver as competencias implicadas, dende as que capacitan para acceder á linguaxe e á conceptualidade propia da Constitución, os Estatutos de Autonomía, os Tratados Internacionais e todos os textos que garanten e formulan os Dereitos humanos dende a metade do século XX, até as que fan posible a apropiación crítica do coñecemento e os valores civís.

• A redución de 3 a 2 horas da carga horaria de calquera materia, como viría a suceder coa Filosofía e Cidadanía —máxime ao se manter, cando menos, o mesmo nivel, en cantidade e complexidade, de contidos conceptuais e procedementais—, non só compromete o cumprimento do seu currículo, senón mesmo a súa mesma viabilidade como materias educativamente útiles, provocando, xa que logo, a súa degradación e finalmente a súa extinción.

• Por outra banda a Historia da Filosofía de segundo de bacharelato deixaría de dispor da propedéutica que precisa no primeiro curso, así como dunha vía alternativa á histórica de acceso aos contidos filosóficos, polo que sen dúbida os seus obxectivos se verán afectados.

Por todo o exposto solicitamos o apoio de cantos compartan os argumentos aducidos para requirirmos aos poderes públicos a procura dunha solución na que en todo caso sexa salvagardada a viabilidade da materia de Filosofía e Cidadanía dotándoa cunha carga horaria de ao menos tres horas semanais.



Nome:        NIF: 

Outros:     

E-mail: