MANIFESTO CONTRA O ANTEPROXECTO DO DECRETO DA ORDENACIÓN E O CURRÍCULO DO BACHARELATO DE GALICIA
A asociación cultural Sine Nómine, composta por profesorado de Historia e Filosofía de ensinanza secundaria e universitaria, quere manifestar publicamente o seu mais rotundo rexeitamento ao borrador de decreto polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, no que no seu anexo II establece o reparto horario das materias correspondentes.
Non é admisible de ningunha forma que nunha ensinanza pública e financiada polo estado a anomalía que supón a presenza forzada no currículo dunha materia de Relixión Confesional condicione e obstaculice a planificación racional do tempo lectivo e, xa que logo, a consecución dos obxectivos establecidos no conxunto dos currículos das materias obrigatorias.
Entre as distorsións repercutidas no reparto horario que se propón e que consideramos inaceptables polas súas consecuencias educativas devastadoras a curto e medio prazo, destacamos as seguintes:
—A aparición por vez primeira da materia de Relixión en 2º de bacharelato ten como consecuencia inmediata a detracción de 1 hora na materia común de Historia de España, o que comporta unha redución significativa na calidade do ensino desta materia —por canto se persevera en facer remontar os seus contidos até Atapuerca—, como así mesmo da preparación en xeral do alumnado para o acceso á estudos superiores.
—A diminución do horario dispoñible para materias comúns de 1º de bacharelato, como a Educación Física e a Filosofía e Cidadanía, por debaixo, non xa dos requirimentos dos seus respectivos currículos, senón da súa mesma viabilidade como materias educativamente útiles.
—O abandono da Filosofía e Cidadanía á súa sorte, alén dos seus efectos disolventes para a continuidade da filosofía no currículo, transmite unha mensaxe inequívoca de minusvaloración da perspectiva reflexiva e crítica na apropiación do coñecemento e os valores civís, dirixida ao resto das materias e, en particular, ás que son responsables a través do coñecemento da historia recente e mais do programa de educación para a cidadanía, —que con tanto empeño se impulsou dende a Administración—, precisamente da formación dunha cidadanía informada, autónoma e democrática.
Por todo o exposto, solicitamos o apoio de cantos compartan os argumentos aducidos para requirirmos aos poderes públicos a procura dunha solución, na que en todo caso sexa a materia non obrigatoria de Relixión Confesional a que se adapte ás necesidades de desenvolvemento horario do currículo compartido por todas as alumnas e alumnos, que, por iso mesmo, debe prevalecer.